AConsellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ven de presentar o programa formativo Líderes de Futuro a través do cal se desenvolverán accións orientadas á mellora de competencias e habilidades da mocidade galega.

O obxectivo do programa é o de potenciar o liderado da xuventude galega nos ámbitos profesional, social e cultural, así como mellorar as súas habilidades no desempeño de liderar un proxecto que facilite a súa empregabilidade a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas.

Líderes de Futurovai dirixido a un total de 50 mozos e mozas galegos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As prazas ofertadas repartiranse en tres grupos: 15 prazas para aqueles que emprenderan algunha actividade profesional por conta propia no ano 2015, outras 15 prazas para aqueles rapaces e rapazas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e 20 prazas para aqueles líderes de asociacións xuvenís inscritas no rexistro de entidades xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e membros de grupos informais que participaran en proxectos de Educación non Formal.

 

Estrutura de Líderes de Futuro
O programa Líderes de Futuro está estruturado en dúas fases que buscan o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores.

A primeira fase abrangue tres etapas. A primeira delas, corresponde ao seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito”, dividido en dúas sesións de catro horas. A segunda abrangue tres obradoiros: “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesma/o”. Todos eles de catro horas de duración. O programa tamén prevé unha terceira etapa coa realización de xornadas de outdoor training de práctica de golf, condución de kart ou paintball. Cada alumno/a participará nunha desas tres actividades propostas. Durante o desenvolvemento destas tres etapas, farase unha avaliación sistemática e continua de cada participante e en función dos resultados, 25 deles pasarán á segunda fase do programa baseada na mentorización e coaching personalizado. Mediante esta actividade desenvolverán as habilidades adquiridas ao longo das sesións xa realizadas. Os mentores acompañarán a cada alumno/a na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos e completar o camiño de mellora e crecemento profesional. Este proceso facilitará a aprendizaxe dos participantes e promoverá cambios cognitivos, emocionais e de conduta que expandirán a capacidade de acción en función do logro das metas propostas.

Os seminarios, obradoiros e xornadas de outdoor training desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo. As sesións de coaching personalizado realizaranse ao longo dos meses de abril e principios de maio.

Inscricións no programa
Os/as interesados/as poderán inscribirse de xeito gratuíto no programa entre o 9 e o 21 de febreiro a través do formulario dispoñible en http://xuventude.xunta.es. Así mesmo, deberán presentar o seu curriculum vitae, unha carta de motivación e a vida laboral no caso daqueles que emprenderan actividade profesional por conta propia no 2015. No caso de pertencer a unha asociación xuvenil, terán que enviar o certificado da asociación que indique que o interesado é un membro activo da mesma e que cargo ocupa e se o/a mozo/a pertence a un grupo informal deberá presentar unha declaración responsable de pertencer ao grupo. Toda esta documentación, necesaria para a inscrición, deberá enviarse a través do enderezo lideresdefuturo@xunta.es. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.