O programa de Garantía Xuvenil en Galicia enmárcase dentro da Estratexia de Emprendemento e Emprego Xoven que, tras un proceso de diálogo e participación cos Interlocutores Sociais, se articula para dar resposta á situación laboral na que se atopan moitos mozos e mozas en Galicia.

Contempla actuacións para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo.

Que medidas se van a implantar?

O programa de Garantía Xuvenil en Galicia contempla un catálogo de medidas axustadas aos distintos perfiles de mozos e mozas entre 16 e 29 anos.

As medidas vertébranse en torno a catro eixes principais:

  • Mellora da intermediación: Orientación laboral, información laboral e acompañamento, actuacións con axencias de colocación, etc. 
  • Mellora da empregabilidade: Programas formativos, programas de adquisición de experiencia e prácticas non laborais en empresas. 
  • Estímulos á contratación: Incentivos á contratación indefinida, á contratación temporal así como á transformación de contratos temporais en indefinidos compatibles coas bonificacións das cotizacións á Seguridad Social para as empresas que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil. 
  • Fomento do emprendemento: Entre as que se inclúen axudas para a creación do propio posto de traballo xa sexa de forma individual como traballadores ou traballadoras autónomas ou xa sexa de forma colectiva constituíndo cooperativas. 

Cal é o obxectivo?

É un programa dirixido a todos os que tedes entre 16 e 29 anos a través do cal pretendemos garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral. Tamén buscamos ofrecervos experiencia laboral, formación ou cursos de idiomas e TIC.